miércoles, 4 de abril de 2012

ONDE COMPRA O REI OS CHANDALS?



 

Nos presupostos do estado español do dous mil doce recortáronse os fondos para a casa real un dous por cento.
E como en calquera casa, cando chegan os recortes, un cambia certos costumes da súa vida cotiá.
Por exemplo, eu cambio o meu menú, onde comía filete de tenreira con ensalada, agora como filete de polo con ensalada; onde tiña arroz con ameixas, agora teño arroz con polo; e o día que toca polo asado con patacas…pois mellor patacas con polo asado. Agora que o penso, non é mala época para investir no negocio dos polos, non si?
Os cambios nos menús do rei supoño que serán algo máis complexos…por exemplo, se tiñan de primeiro un entrecosto de carne de búfalo acompañado de salteado de cogomelos… pois pasará a ser "delicatessen" de carne búfalo acompañado de puré espumoso de cogomelos, que para o caso é o mesmo pero con menos cantidade. Xa sabiamos todos que a clave para que a comida de restaurante fose alcanzable a todo o mundo era distraer ao público cuns pratos ben grandes con pinceladas de comida dentro, como se fosen lenzos de pintura para poñer na sala…
Outro tipo de aforros que decidimos facer é o tipo de roupa que mercamos. Quizais un xa non vai ao Corte Inglés a comprar unha camisa, senón que decides comprala no Alcampo ou no Carrefour…de alí marchas todo cheo porque che custou a metade do prezo, aínda que sabes que che vai durar catro veces menos tempo. E por suposto nada de comprar roupa deportiva de marca, sen dubidalo o luxo das clase populares. Un, coa vista posta nos recortes, non pode permitirse comprar unas zapatillas Nike, Adidas o Reebook…a non ser que non haxa alternativa. Velaquí outro gran negocio, pero síntoo, xa o montaron os de Decathlon, que se deron conta que para facer deporte non era necesario suar encima dun chandal de sesenta euros, pudendo facelo nun de vinte.
O rei, para as camisas seguro que non ten problemas, porque o xastre seguro que lle fai o dous por cento de desconto por medo a perder o seu traballo…que xa me dirás ti,se lle vota o rei, a quen lle vai facer camisas agora que os políticos andan coa mosca detrás da orella despois da trama Gürtel…
O que si que me queda a dúbida é onde compra o chandal? Porque,a verdade, non vexo ao xastre facendo un chandal a medida. Así que, quen sabe, o mesmo un día vas ao Decathlon e atopas ao rei comprando a roupa de vela para irse a Mallorca ao seu iate…